ENTRAR ÁREA PRIVADA

NOTICIAS Y ACTUALIDAD

//: noticias / noticias

Noticias y actualidad relacionada con Citexvi y su entorno


Este mércores e xoves celébrase o segundo simposio do proxecto de especialización ourensán

O Campus da Auga amosa o potencial da investigación para potenciar o termalismo e a calidade de ...

Coa asistencia de 200 persoas e a presentación de máis de 80 traballos


“Impulsar a investigación e a innovación en termalismo” para “abrir novas oportunidades de desenvolvemento económico e benestar social”. Con este obxectivo e en palabras de Salustiano Mato arrancou este mércores en Expourense a celebración do II Simposio Internacional sobre Termalismo e Calidade de Vida, organizado no marco do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga. Durante dous días, e de xeito paralelo á celebración da feira Termatalia, arredor de 200 investigadores e axentes do eido público e privado do sector intercambiarán investigacións, coñecementos e necesidades sobre un sector estratéxico para Ourense e Galicia. Entre eles está un nutrido grupo de investigadores e investigadoras de diferentes áreas da Universidade de Vigo, que amosan nesta cita os seus últimos proxectos neste eido e que abranguen desde a cosmética termal á arqueoloxía.


Rosa Tedín | Ourense
“Impulsar a investigación e a innovación en termalismo” para “abrir novas oportunidades de desenvolvemento económico e benestar social”. Con este obxectivo e en palabras de Salustiano Mato arrancou este mércores en Expourense a celebración do II Simposio Internacional sobre Termalismo e Calidade de Vida (http://stcv.webs.uvigo.es/index.html), organizado no marco do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga. Durante dous días, e de xeito paralelo á celebración da feira Termatalia, arredor de 200 investigadores e axentes do eido público e privado do sector intercambiarán investigacións, coñecementos e necesidades sobre un sector estratéxico para Ourense e Galicia. Entre eles está un nutrido grupo de investigadores e investigadoras de diferentes áreas da Universidade de Vigo, que amosan nesta cita os seus últimos proxectos neste eido e que abranguen desde a cosmética termal á arqueoloxía.

Pasado, presente e futuro
O simposio, que se celebra con carácter bianual, está liderado pola Vicerreitoría do Campus de Ourense e implica na súa organización coa participación das principais institucións da contorna. Deste xeito, a súa sesión inaugural contou, ademais de coa participación de Salustiano Mato e de Virxilio Rodríguez, presidente do simposio e vicerreitor do campus de Ourense, con José Manuel Rey, conselleiro de Política Social da Xunta de Galicia; Jesús Vázquez, alcalde de Ourense; Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial, e Alejandro Rubín, director xerente de Expourense. Agradecendo a aposta da Xunta polo Campus da Auga, Salustiano Mato fixo fincapé na súa intervención en como con este proxecto de especialización e coas iniciativas que se organizan ao seu abeiro, búscase “conseguir, a través do coñecemento, a investigación e a innovación, dar solucións” aos retos da sociedade. Nesta liña, apuntou Virxilio Rodríguez, o simposio deste ano preséntase “cos seus obxectivos alcanzados”, subliñando as cifras de participación acadadas.

O conselleiro de Política Social tamén fixo fincapé “nas novas oportunidades económicas e as posibilidades de emprego” que xorden arredor do proxecto de especialización do Campus da Auga e do termalismo no seu conxunto, amosando o seu desexo de que este impulso do termalismo da cidade e a provincia de Ourense redunde finalmente en máis benestar social, especialmente para o colectivo de maiores. Tras lembrar Rosendo Fernández como Ourense é “capital termal por excelencia” no conxunto do estado, Jesús Vázquez salientou como neste contexto “queremos ser referentes en vangarda, en innovación e en intercambio de experiencias” arredor do termalismo, destacando o papel que o Campus da Auga está chamado a xogar neste senso. Por esta relevancia e polo feito de que o simposio dota a Termatalia de parte científica, Alejandro Rubín desexou moito éxito á edición que este mércores arrancou nas instalacións de Expourense.

Tamén houbo tempo nesta inauguración para mandar azos a México, país convidado este ano en Termatalia, tralo terremoto acontecido este martes e de realizar unha homenaxe a Luis Rodríguez Míguez, profesor da Universidade de Vigo falecido en 2016. A súa viúva, Mariluz Villar, recolleu unha placa en recoñecemento ao que foi “precursor do termalismo en Galicia”, tal e como se salientou nas palabras de louvanza realizadas polas autoridades presentes. Trala sesión de apertura, o reitor achegouse ademais a ver algúns dos posters que se expoñen no simposio e en Termatalia de proxectos nos que participan membros da Universidade de Vigo, como o de recuperación do potencial termal do Concello de Verín, entidade coa que a institución académica traballa na posta en marcha dunha cátedra sobre augas mineromedicinais.

Desde a caracterización das augas ao turismo
A programación arrancou cunha sesión plenaria na que se abordou a temática da caracterización e aproveitamento das augas mineromedicinais e termais; a historia dos baños colectivos en Oriente Próximo e a maximización de beneficios para a saúde e a sustentabilidade do turismo termal para as comunidades anfitrioas, contando coa intervención de expertos das universidades de Carolina do Norte, Copenague e o Instituto Politécnico da Guarda, en Portugal. Pola súa banda, a conferencia inaugural, titulada Influencia da balneoterapia na calidade de vida de pacientes con osteoartrite, correu a cargo da docente Antonella Fioravanti, da Universidade de Siena.

A actividade no simposio estrutúrase arredor de tres áreas temáticas, como son a caracterización e aproveitamento de augas mineromedicinais e termais; o patrimonio e arquitectura termal e o turismo experiencial e de saúde en termalismo. A estas tres áreas úneselle unha cuarta de carácter xenérico, de investigación xeral sobre a auga relacionada co enfoque do simposio. Arredor destes eixes desenvolveranse este mércores e xoves arredor de 36 comunicacións orais de investigadores de Portugal, Brasil, Arxentina, México, Sudáfrica, Italia, Dinamarca e España, dúas sesións de comunicacións de póster e dúas sesións de 16 paneis nos que se presentarán tanto traballos académicos como innovacións e novas experiencias en termalismo. O programa tamén inclúe unha sesión de novos investigadores e investigadoras na que se presentarán teses de doutoramento e traballos fin de mestrado e grao relacionados coas augas mineromedicinais e termais defendidos no período 2012-2017. Ademais levaranse a cabo tres talleres, un centrado nas potencialidades que ten para Galicia o enoturismo e termalismo; outro sobre as aplicacións en dermocosmética das augas termais e outro sobre peloterapia corporal.

Nas sesións de comunicacións arredor destes cinco eixes que se iniciarán esta tarde poderase coñecer traballos dun amplo abano de cuestións. Entre elas, investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo abordarán temas como a elaboración de cremas de protección solar feitas con residuos vinícolas e augas termais ourensás; os problemas lexislativos nos desenvolvementos xeotérmicos; as augas no Camiño Miñoto Ribeiro; a cosmética termal con certificación bio; o estudo histórico-arqueolóxico para a recuperación, posta en valor e dinamización do patrimonio termal ou a análise simbólica e patrimonial dos espazos termais en Ourense. Outros traballos que exporán investigadores da institución académica serán a eficacia da crenoterapia en pacientes con fibromialxia; o impacto das inundacións fluviais no turismo termal; a influencia das experiencias turísticas meditativas nos turistas termais; a predición de caudais en ríos usando redes neuronais artificiais ou o control do xacemento termal de Ourense.

Volver

Fuente: DUVI