ENTRAR ÁREA PRIVADA

NOTICIAS Y ACTUALIDAD

//: noticias / noticias

Noticias y actualidad relacionada con Citexvi y su entorno


Durante o mes de xullo arredor de 30 persoas participaron na intervención arqueolóxica

As escavacións en Armea rematan deixando ao descuberto a 'domus' norte do xacemento

En outubro realizarase a campaña de conservación e restauro dos restos descubertos


Este venres a campaña arqueolóxica que durante o mes de xullo se levou a cabo en diferentes puntos do Concello de Allariz co obxectivo de afondar no coñecemento histórico da Cibdá de Armea , que os arqueólogos datan no século I, chegou ao seu fin. No seu balance, Adolfo Fernández, arqueólogo do Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat) da Universidade de Vigo que dirixiu a campaña, destaca como se cumpriron e superaron os obxectivos previstos para esta intervención, na que participaron arredor de 30 persoas. Entre os resultados acadados están deixar ao descuberto a 'domus' norte do xacemento, datar o lugar de culto das Pioucas da Santa en época romana e facer sondaxes en novas posibles zonas de investigación e musealización para vindeiras tempadas.


Duvi | Ourense
Este venres a campaña arqueolóxica que durante o mes de xullo se levou a cabo en diferentes puntos do Concello de Allariz co obxectivo de afondar no coñecemento histórico da Cibdá de Armea , que os arqueólogos datan no século I, chegou ao seu fin. No seu balance, Adolfo Fernández, arqueólogo do Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat) da Universidade de Vigo que dirixiu a campaña, destaca como se cumpriron e superaron os obxectivos previstos para esta intervención. Entre os resultados acadados están deixar ao descuberto a 'domus' norte do xacemento, datar o lugar de culto das Pioucas da Santa en época romana e facer sondaxes en novas posibles zonas de investigación e musealización para vindeiras tempadas.

Durante a campaña participaron nos traballos de campo levados a cabo preto de 30 persoas, entre alumnado procedente de diferentes universidades estatais, equipo técnico e obreiros achegados polo Concello de Allariz, entidade que financiou a intervención. A dirección dos traballos de campo recaeu este ano en Patricia Valle, sendo outra das arqueólogas responsables Alba Antía Rodriguez, ambas investigadoras predoutorais da Universidade de Vigo. “O proxecto de Armea segue a ser o gran referente das escavacións académicas en Galicia logo de sete anos consecutivos de escavacións e investigación, o que fai que sexa recoñecido a nivel peninsular e que centos de alumnos demanden cada ano poder participar nalgunha das dúas quendas de 15 días que facemos”, explica Adolfo Fernández sobre o xacemento, que este venres foi visitado por Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia, e Francisco García, alcalde de Allariz. Ademais, engade o arqueólogo na súa valoración, o modelo Allariz-UVigo é hoxe un modelo a seguir para moitos concellos da provincia que demandan pór en valor parte do seu patrimonio e que procuran na Universidade de Vigo un labor científico e divulgativo”.

Escavacións na zona da Atalaia
Sobre os traballos desenvolvidos, Adolfo Fernández detalla que “esta campaña actuouse sobre todo na finca da Atalaia coa intención de sacar á luz a ‘domus’ norte, unha gran vivenda situada na metade norte da Atalaia e que estaba parcialmente escavada”. Acadado este obxectivo, sinala o arqueólogo, quedan á vista e visitables as dúas vivendas do xacemento, unha vez que a ‘domus’ sur xa quedou totalmente escavada no 2016. “Os resultados foron mellor do esperado documentándose, un gran patio enlousado e un pórtico con columnas dos que se conservaba tres bases”, comenta.

Segundo explican responsables do proxecto, durante a intervención na Atalaia tamén se descubriron varias estancias da casa e unha canle de desaugue que descorre baixo o enlousado e feita en parte con ladrillos. Ao norte destas estruturas da vivenda atopouse un posible almacén con varios muíños polo que se interpreta como unha zona de procesado de produtos. Nesta zona, como soe ser habitual en Armea tal e como indican os arqueólogos, apareceron dúas novas pedras labradas que engalanaban os muros das vivendas, unha delas cun tríscele con restos de pigmento vermello, o que indicaría que os muros destas casas se atopaban enlucidos cun morteiro desa cor. Ademais desta actuación, na Atalaia abordouse a escavación dunha nova vivenda que se estende cara o leste da ‘domus’ sur. “Escaváronse dúas estancias onde se recuperaron importantes cantidades de material arqueolóxico e que sinalan que esta zona estaba dedicada á produción de utensilios de metal e vidro”, apunta Adolfo Fernández.

Actuacións fóra da Atalaia
Tamén se fixeron dúas actuacións en zonas fóra da Atalaia. Unha delas foi nas Pioucas da Santa, un lugar de culto. “Cunha sinxela limpeza do interior do recinto e varias sondaxes no exterior, que non afectaron ao recinto cultual, constatouse a presencia dun derrubo de tellas, un enlousado e un muro de construción romana (así como materiais romanos) o que permitiu datar a estrutura primixenia”, relata o director do proxecto. Polo momento, engade, non se coñece a funcionalidade desta estrutura. A última das actuacións da campaña 2017 en Armea foi nunha finca cedida ao concello por Manuel Losada, veciño da localidade, para que fose escavada polos arqueólogos. Esta actuación acabou co achado inesperado de restos da muralla dun recinto previo á ocupación romana da Atalaia, ademais doutras estruturas, como canles de desaugue escavadas na rocha.

Rematada a campaña no xacemento, os responsables do proxecto sinalan que queda por diante, para os meses vindeiros, o traballo cos materiais e a interpretación dos datos obtidos en campo. No mes de outubro, engaden, levarase a cabo unha campaña de conservación e restauro dos novos restos aparecidos, renovarase a sinaléctica interpretativa e adecuarase o xacemento para as visitas.

Volver

Fuente: DUVI